Un camioneiro lituano queda atrapado co seu trailer nunha estrada de Ferrol polo GPS

O camión atrancado en Ferrol.
Un camioneiro de nacionalidade lituana quedou atrapado co tráiler de grandes dimensións que conducía nunha estrada de Ferrol ao seguir as indicacións, erróneas, do seu GPS. O incidente produciuse contra as 13.30 horas na zona do Calvario, na parroquia de Santa Icía, nun lugar no que tamén limitan os municipios de Ferrol e Narón. Ao lugar do incidente desprazáronse nun primeiro momento axentes da Policía Local de Ferrol, que trataron de colaborar co profesional para poder realizar a manobra, pero non resultou posíbel, pois hai un muro de formigón nun lado e, no outro, un gardarraíl, todo iso nunha zona moi estreita e en curva. Posteriormente desprazáronse profesionais de Bombeiros de Ferrol, que traballan na retirada dunha parte do gardarraíl para que o camión puidese reanudar a marcha. Algúns veciños do lugar afirmaron que outros condutores con camións que seguen as indicacións do GPS xa se viron en situacións similares, aínda que a vía non permanecera nunca durante tanto tempo cortada.