Cómodo triunfo de Lúa de Forza na última xornada da Liga Atlántica de Bilarda

Xan Rodiño (centro) foi o número '1' na categoría absoluta. (Foto: FGDA).
Cangas acolleu a oitava xornada da Conferencia Rías Baixas da Liga Atlántica de Billarda, deixando para os libros de rexistros a puntuación máis baixa de todas cantas se levan disputadas até o momento, pois a formación gañadora, Lúa de Forza de Sanxenxo, tan só puido sumar 67 tantos, caendo a media por equipo aos 53 e por xogador a unicamente 11. Nese plano individual, o vencedor absoluto foi Xan Rodiño, que cos seus 19 puntos contribuíu decisivamente á vitoria da escuadra sanxenxeira e afianzou o seu liderado na clasificación xeral, pois alcanza os 170 puntos polos 161 cos que conta Xián e os 156 de Piru. Con respecto á categoría feminina, a mellor foi Tania (Valpaços Terra Quente de Vigo), que estivo acompañada no podio por Lu (Lúa de Forza) e Antía (Gharaboto de Marín).