CRAT da Coruña e Silicius Maxadahonda pelexarán polo título ligueiro

A finalísima ligueira será o domingo 19 en Maxadahonda ás 12 horas. (Foto: Crat A Coruña).
Os dous mellores equipos de rugby feminino no territorio do Estado, Club de Rugby Arquitectura Técnica (CRAT) da Coruña e Silicius Rugby de Maxadahonda, coliden este domingo na finalísima da Liga, que se disputará ás 12 horas no campo das madrileñas, pois a normativa dita que o choque terá lugar no fogar do primeiro clasificado na fase regular do campionato. O encontro supón unha oportunidade de ouro para que as xogadoras galegas obteñan o desquite da súa derrota fronte o Silicius hai preto dun mes na final da Copa Real Federación Española de Rugby, nun duelo moi igualado no que finalmente perderon por 10 a 16. Porén, e "con independencia do resultado", a directiva herculina considera que "a falta de disputar o partido máis importante, os obxectivos están máis que cumpridos".