Desaloxan perto dunha vintena de persoas na Guarda por unha fuga nun depósito de gas

Central de emerxencias do 112-Galiza. (Foto: 112).
Perto dunha vintena de persoas foron desaloxadas na noite desta pasada cuarta feira na Guarda (Baixo Miño) por unha fuga nun depósito de gas. Segundo informa o 112, os feitos ocorreron minutos antes das 21 horas na rúa da Coruña e ningún dos veciños necesitou asistencia sanitaria. Os servizos de emerxencia tiveron constancia do sucedido a través da chamada dun dos cidadáns, quen avisou de que unha das tubaxes do depósito, situado no tellado, estaba a perder gas. Foron evacuados 17 veciños e veciñas para proceder ao baleirado do depósito, tras o que puideron retornar ás súas vivendas pasadas as 7 horas desta mañá.