Duelo fratricida na Liga estatal de roller derby entre As Brigantias e As Sereas

O choque As Brigantias-Sereas Bravas será o sábado 2 na Coruña. (Foto: As Brigantias Roller Derby).
O campionato estatal organizado pola Asociación de Roller Derby de España (ARDE) regresa pola porta grande, cun duelo fratricida entre As Brigantias Roller Derby da Coruña e Sereas Bravas Roller Derby de Vigo. Deste modo, ambas as escuadras protagonizarán o seu debut na nova edición do torneo a partir das 16 horas do próximo sábado, día 2 de marzo, nun derbi galego que se desenvolverá no fogar da entidade herculina, o Pavillón Polideportivo de Elviña 2, onde a entrada, segundo confirmaron fontes do club, será de balde para todas aquelas persoas interesadas en asistir. Ademais, unha vez que remate este encontro, arredor das 18 horas, As Brigantias 'B' disputarán un partido amigábel -coñecido no mundiño do roller derby como scrimmage- contra o combinado 'Sereas e colegas'.