A Enfermidade Hemorráxica Epizoótica deixa xa 76 vacas mortas na Galiza

Un camión levanta unha vaca morta en Xermade (A Terra Chá). (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O balance de vacas mortas a causa da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) –coñecida popularmente como a 'Covid das vacas'– elevouse onte até 76 na Galiza, cun total de 18 comarcas veterinarias afectadas. Trátase dunha doenza que mantén o sector gandeiro en tensión ante os elevados custos do tratamento e as grandes perdas que supón ter animais enfermos nas granxas. Alén disto, gandeiros e gandeiras galegas mostráronse especialmente críticos coa Consellaría do Medio Rural por non prestar esta a axuda necesaria para pórlle freo a esta doenza. Precisamente, o conselleiro desta área, José González, logo da xuntanza do Consello Agrario decorrida esta terza feira, anunciou a creación dun grupo de traballo para anticipar as consecuencias de novas enfermidades animais e vexetais que afectan o sector primario galego, como é a EHE.