Falece un home tras caer ao mar na Coruña

Helicóptero de salvamento marítimo (Foto: Salvamento marítimo).

Un home faleceu, a última hora da tarde desta sexta feira, tras caer ao mar na zona da praia Amorosas, na Coruña. Segundo informou o 112, os feitos sucederon minutos antes das 21 horas cando Salvamento Marítimo solicitou asistencia sanitaria urxente para unha persoa que rescataran da auga a bordo do Helimer. A central de emerxencias deu aviso a Urxencias Sanitarias da Galiza-061 que, a pesar dos esforzos, nada puideron facer por salvarlle a vida e tamén acudiron sete bombeiros con dous vehículos. Os Bombeiros da Coruña detallaron que desde o helicóptero descendeu un mergullador e recuperou o corpo. Con todo, os efectivos do parque da Grela non tiveron que intervir neste operativo no que tamén participou a Policía Local e Protección Civil.