Investigados dous condutores por conducir no Barco con permisos de conducir falsos de Senegal e Polonia

Un axente da Garda Civil española.
Axentes da Garda Civil de Tráfico interceptaron en senllos controis no Barco de Valdeorras (comarca de Valdeorras) dous condutores con permisos de conducir falsos de Senegal e Polonia. Segundo informa a Garda Civil nun comunicado, ambos os dous condutores atópanse investigados por supostos delitos de falsidade documental e contra a seguridade viaria. Enfróntanse a penas que poden implicar entre seis meses e tres anos de prisión. A primeira actuación produciuse en decembro de 2023, na estrada N-120, onde un condutor de 42 anos e nacionalidade senegalesa presentaba un carné de conducir que tiña visos de validez, pero "a residencia en España do condutor desde facía anos e outra serie de indicios levantaron a sospeita dos gardas civís". Por outra parte, o 5 de marzo de 2024, tamén na N-120, detectouse a un condutor de 39 anos cun permiso polaco, aínda que se comprobou que no país de orixe nunca tivera carné de conducir.