O Liceo encara a volta dos cuartos de Liga con todo a prol

O Liceo opta ás semifinais ligueiras. (Foto: Deportivo Liceo).

Non foi a 2023/24 unha tempada doada, en liñas xerais, para un Deportivo Liceo que sufriu unha fonda reestruturación no período estival e que nunca chegou a exhibir o nivel que o caracterizou en tempadas anteriores. Con todo, logrou rematar en terceira posición da fase regular da OK Liga -aínda que a 22 puntos do todopoderoso Fútbol Club Barcelona- e clasificarse para uns play-offs polo título nos que sempre adoita sacar o mellor de si. Deste modo, a escuadra herculina desexa certificar (mañá, Pazo de Riazor, 20.30 horas) a clasificación para unhas semifinais que ten na palma da man se sabe conservar a vantaxe que obtivo nun choque de ida que gañou 6-2.