Localizan novos restos nas escavacións da aldea sueva de Trigás, en Mondoñedo

A subdelegada comprobou os avances nos traballos (Foto: Subdelegación)

A subdelegada do Goberno español en Lugo, Isabel Rodríguez, comprobou os avances no xacemento da aldea sueva de Trigás, en Mondoñedo (A Mariña) tras o descubrimento de novos achados. Trátase do proxecto 'Ecoloc' do Ministerio de Ciencia e Innovación. Esta intervención, expuxo, permite "descubrir un pouco máis sobre o mundo rural do século VI. "Coñecer o modo de vida dos habitantes desta aldea na época sueva" e así "saber algo máis das nosas orixes", resaltou tamén na visita. A subdelegada felicitou os arqueólogos e arqueólogas e subliñou a aposta do Executivo estatal polo coñecemento e a investigación. Os traballos estenderanse até o 7 de xuño. O asentamento está datado entre os séculos V e VII e achouse unha estrutura habitacional —que podería ser unha casa— e un forno.