O maratoniano galego Tariku Novales recibe ataques racistas

O galego rachou o domingo co récord de España de maratón. (Foto: Adidas).
No número da sexta feira de Nós Diario publicábamos unha entrevista co maratoniano galego Tariku Novales, que a semana pasada tornaba no recordman estatal da modalidade após percorrer os 42.195 metros en 2.05.48. Porén, non todo o mundo celebrou o éxito do atleta. Algúns mesmo empregaron a cor da súa pel para atacalo, algo que o noiés de orixes etíopes denunciou a través da súa conta de X. "España non é un país racista. En España hai moito racista, que é diferente", escribía acompañando unha serie de capturas nas que distintas persoas ironizaban sobre a súa cor de pel ou sinalábano dicindo que "non é español, ten a nacionalidade, que é diferente".