12 de xaneiro... Día da Morte Digna? O Parlamento debáteo hoxe

Acto convocado por DMD en Compostela para apoiar o Día da Morte Digna na Galiza (Foto: DMD).
O Parlamento debate hoxe unha proposición non de lei para declarar o 12 de xaneiro como Día da Morte Digna na Galiza, unha iniciativa que introduciu o BNG e que apoian unha vintena de entidades, entre asociacións, plataformas, sindicatos e ONG, xunto coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Para a Asociación Dereito a Morrer Dignamente Galiza, a proposta suporía "un recoñecemento que contribuirá ao progreso na atención e o coidado ás persoas na etapa final da súa vida, ao respecto á autonomía e liberdade" e ao "progreso da morte digna". O texto apunta que nos atopamos "no inicio dunha nova etapa, na que a sociedade vai incorporando con normalidade o novo dereito". "Deben, entón, promoverse as accións necesarias para avanzar na morte digna que ten o seu sustento no respecto á autonomía e liberdade das persoas", sinala.