O Parlamento Galego debatirá sobre a oficialidade das seleccións deportivas

A selección galega xogou o seu último encontro o pasado 31 de maio de 2024 ante Panamá. (Foto: RFGF)
O Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego (BNG) leva ao pleno que se desenvolverá desde as 10 horas desta terza feira no Parlamento da Galiza unha Proposición non de Lei que reclama o recoñecemento e o impulso das seleccións deportivas galegas nas diferentes disciplinas alén do fútbol, así como o estabelecemento dun calendario de competicións estábeis por parte da Xunta da Galiza e as respectivas federacións. "Non se entende, desde o noso punto de vista, que o Goberno galego non impulse desde as súas competencias que os combinados nacionais poidan defender as cores do noso país, algo que reclaman boa parte da sociedade galega e xogadoras, adestradoras e seareiras", defende o BNG.