O Pazo dos Deportes de Lugo estreará asentos no Breogán-Barcelona

O Pazo dos Deportes de Lugo presentará un aspecto renovado para o partido do vindeiro domingo entre o Leite Río Breogán e o potente Fútbol Club Barcelona, pois os traballos de montaxe dos novos asentos no aro inferior das bancadas avanzaron "de forma definitiva na última semana", tal e como explicou a Vicepresidencia da Deputación de Lugo. "Unicamente queda pendente a instalación das cadeiras da Fila '11', que precisan dun sistema de soporte adaptado ás dimensións desa bancada, máis estreita que o resto, polo que a empresa adxudicataria habilitará uns bancos provisionais para as persoas que ocupen esas localidades no choque ante o Barça", explicou o ente. O seu responsábel, Efrén Castro, engadiu que unha vez que rematen as obras o seguinte obxectivo será a renovación da cuberta.