Persoal de cociña dos hospitais de Vigo convoca folga indefinida para exixir que se manteñan os postos de traballo

Protestas dos traballadores das cociñas dos hospitais públicos vigueses (Foto: CIG).

O comité de empresa do servizo de cociña dos tres hospitais públicos de Vigo (Álvaro Cunqueiro, Meixoeiro e Nicolás Peña) anunciou a convocatoria dunha folga indefinida a partir do próximo día 18 de maio, co obxectivo de reclamar o mantemento de todos os postos de traballo. Todo iso, tal como indicou a CIG nun comunicado, ante a posibilidade de que se produzan despedimentos co cambio de concesión. O sindicado, que ten maioría no comité, explicou que a folga pretende tamén renovar a maquinaria das cociñas, polo que lembraron que a obrigación é da concesionaria do hospital.