Persoal de Vitrasa convoca folga indefinida ante as "negativas da empresa a negociar o convenio"

Mobilización do persoal de Vitrasa polas rúas de Vigo. (Foto: Nós Diario)
Persoal de Vitrasa, a concesionaria do transporte público do Concello de Vigo, convocou unha folga indefinida a partir do vindeiro 25 de novembro co obxectivo de forzar a empresa a que negocie un novo convenio colectivo. Tal como informou nun comunicado a Confederación Intersindical Galega (CIG), sindicato que preside o comité, o cadro de persoal decidiu de forma maioritaria levar a cabo esta medida "ante a negativa da compañía para negociar o convenio colectivo e despois de que 13 traballadores fosen sancionados con 60 días de suspensión de emprego e soldo no marco dos paros parciais que se están desenvolvendo". O sindicato nacionalista explicou que esta decisión se tomou tras unha consulta realizada polo comité ao persoal, que rexistrou unha "alta participación".