Presentan un libro sobre os "merdeiros" de Vigo

Merdeiros no Casco Vello de Vigo.
A vindeira sexta feira, 19 de xaneiro, ás 19.30 horas, presentarase no Camões Centro Cultural Portugués, sito na Praza de Almeida de Vigo, o libro O merdeiro. Personaxe da ribeira, de Adriana Del Río Miranda, historiadora da arte, e Hadrián Román Carreiro, historiador. Editado pola Asociación Etnográfica A Merdeira, o volume recolle os froitos de varios anos de investigación e traballo. Analiza a orixe, como era e como se comportaba na cidade esta tradicional figura do Entroido de Vigo. Ao tempo reflexiona sobre a evolución da personaxe até o momento da súa desaparición e da súa posterior recuperación grazas ao tecido asociativo da cidade. O acto contará coa actuación da Banda de Gaitas do Casco Vello, antes do coloquio coas autoras.