Problemas para pagar con tarxeta e facer bizums pola caída de Redsys

Teléfono móbil coa aplicación de pagamento online. (Foto: Bizum)

Unha incidencia na plataforma de pagos en liña Redsys impediu durante aproximadamente unha hora que tanto os bancos como as persoas usuarias deste sistema de pago puidesen operar con normalidade. A plataforma de pagamento bancario rexistrou problemas en todo o Estado e dificultades para realizar pagos con tarxeta ou a través do móbil. A incidencia afectou a caixeiros, datáfonos, pagos en comercios ou ao servizo de Bizum. Varios usuarios alertaron a través de redes sociais deste problema e algunhas entidades financeiras tamén informaron a súa clientela. O fallo iniciouse sobre as 13 horas e ficou solucionado unha hora máis tarde, informou Redsys.