Redúcese a 12 horas o prazo mínimo para un enterramento

Cemiterio de Mondoñedo. (Foto: Arxina)
O 18 de outubro entrará en vigor o novo decreto de sanidade mortuoria publicado esta segunda feira no DOG. A norma recolle a redución de 24 a 12 horas o tempo mínimo de espera para enterrar unha persoa falecida e autoriza o enterramento sen cadaleito, algo que reclamaban desde hai tempo algunhas comunidades relixiosas que se vían na obriga de desprazarse fóra para cumprir cos seus rituais, como o musulmán e o xudeu. O novo documento, que "entrará en vigor ao mes da súa publicación", substituirá o decreto de 2014 e "mellorará aspectos da regulación para adaptalos aos requirimentos sociais e técnicos existentes", asegura a Xunta, simplificando as tramitacións e incorporando determinacións da guía consensuada no Sistema Nacional de Saúde.