Restabelecido o tráfico na A-52 tras un accidente con 14 vehículos implicados e oito feridos

Varios turismos agardan a que os equipos de emerxencias rematen de intervir na A-52, o 10 de febreiro de 2024, na Cañiza. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)

O tráfico na autovía A-52, ao seu paso polo municipio pontevedrés da Cañiza, quedou restabelecido ás 17.20 horas, despois de que este sábado se rexistrase un accidente múltiple con 14 vehículos implicados e que se saldou con oito feridos leves e outras 20 persoas ilesas.

O sinistro, no que se viron implicados 11 turismos, dúas autocaravanas e un camión, produciuse ás 13.50 horas no quilómetro 275 desta autovía e o tráfico foi desviado pola N-559.

Numerosos vehículos víronse atrapados con motivo deste accidente á altura do túnel de Folgoso, entre eles dous coches do servizo de seguridade do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que este sábado participou nun mitin dos socialistas galegos en Vigo.