A ría de Vigo recibirá unha proba de vela de calibre internacional

(Foto: Nico Martínez).
A 44 CUP chegará á Galiza en maio deste anoBaiona será a sede neste 2024 da 44 CUP, o prestixioso circuíto internacional de regatas, que chegará ás Rías Baixas en maio como unha das cinco paradas que ten programadas na súa décimo sétima edición. Así, tras levarse a cabo en Baiona as soadas 52 Súper Series en 2022 e o Mundial da clase J80 en 2023, en 2024 será a quenda dos RCC43, outro monotipo de veleiro creado polo considerado como o mellor patrón da historia da Copa América, o neocelandés Russell Coutts. Trátase dun barco de alta competición que rolda o millón de euros de prezo, pois está construído integramente en fibra de carbono, o que fai que sexa moi lixeiro a pesar das súas dimensión de 13,45 metros. Á fronte destas naves están armadores cun gran potencial económico, e que contratan as súas tripulacións recrutando a medallistas olímpicos, tripulantes de Copa América e regatistas da Volta ao Mundo de Vela, o que permitirá á afección galega asistir a un espectáculo no que, previsibelmente, participarán numerosos e numerosas deportistas de talle internacional, razón pola que se estiman unhas cifras de retorno económico "que superará o millón de euros", segundo destacan desde a organización.