O Valladolid pon a proba o Porriño na Liga Guerreiras

A televisión emitirá este choque entre o cuarto e o quinto da Liga. (Foto: Balonmán O Porriño).
Ás 21 horas da sexta feira o Pavillón Municipal do Porriño será a sede do enfrontamento entre dous conxuntos da zona nobre da clasificación da Liga Guerreiras, Conservas Orbe Rubensa Balonmán O Porriño e Caixa Rural Aula Valladolid, nun choque que será retransmitido pola canle pública Teledeporte. Ambos os equipos están inmersos na loita por situarse entre os tres primeiros, sendo quinto o galego e cuarto o castelán e, a pesar de que no partido de ida saíu vitorioso o Valladolid cun contundente 30-22, as cousas son moi distintas agora, como destacou o preparador porriñés, Ismael Martínez. "Estamos en boa dinámica, restan cinco datas da liga regular e creo que este compromiso co Aula determinará moito ao que imos aspirar ao final, porque é un duelo directo".