Vitorias para Gharaboto e Cochiqueiros na Liga Atlántica de Billarda

Irene (esquerda) e Delia (centro) foron chave no éxito cercedense. (Foto: FGDA).
A Liga Atlántica de Billarda viviu unha dupla xornada que trouxo contigo senllos triunfos para Gharaboto de Marín e Cochiqueiros de Cerceda. Esta última formación, o equipo vicedecano da Conferencia Noroeste (2010), arrasou en Soandres comandada pola actuación individual de Irene, que foi a mellor na categoría feminina, mais na absoluta impúxose un competidor de Campo da Feira de Paiosaco, Xulio Ponte. No referente á Conferencia Rías Baixas, Gharaboto brillou en Meira, onde nin os locais Corredoiras nin os sempre potentes palanadores de Lúa de Forza de Sanxenxo conseguiron sequera facer dubidar da súa vitoria. E iso que na modalidade individual absoluta venceu un de Corredoiras, o actual campión da Liga Atlántica de Billarda, Beni Resille.