O Zalaeta quere facerse coa Copa Princesa de Voleibol

As herculinas debutarán contra o Cartaxena ás 9.30 de hoxe. (Foto: CV Zalaeta).
A Copa Princesa abrirá o curso voleibolístico en 2024 cun trofeo que de hoxe, 12 de xaneiro, ao 14, terá unha sede inédita, Santa María de Guía, en Gran Canaria. A décimo sétima edición do torneo do KO da categoría de prata do vólei estatal repite formato de competición, con seis equipos participantes, sendo o anfitrión o debutante na categoría CDV UFP Canarias. Xunto coa escuadra insular están os mellores conxuntos da Superliga Feminina 2, que pelexarán por suceder no palmarés o Fútbol Club Barcelona, vencedor dunha edición 2023 que se celebrou na Coruña. E, precisamente, da cidade herculina procede o único representante da Galiza nas Illas Afortunadas, o Zalaeta, que colidirá no Grupo 'B' co vixente campión e co Cartaxena, ante o que debutará hoxe ás 9.30 horas.