Internautas escollen o cartaz de San Froilán
Dos días 9 ao 30 de maio poderanse apresentar deseños para participar no concurso que se resolverá por votación popular online. Un xurado fará a primeira selección para que logo as persoas podan escoller entre as catro seleccionadas.
A iniciativa afonda no interés do responsábel de festas para conseguir implicar á viciñanza na xestión e elaboración das festas. O pasado ano, foron as persoas que gozan das celebracións as que fixeron propostas para construír de forma conxunta o programa de festas. Neste ano, o tenente de alcalde quere que lugueses e luguesas se impliquen desde o inicio nunha das citas fundamentais do calendario anual da cidade. As bases do concurso recollen os formatos de entrega dos traballos ademais de prazos e demais condicións. Ao tempo, convócase tamén un concurso para rapaces e rapazas co fin de seleccionar tamén o cartaz do "San Froilán Miúdo 2012".