Unha ollada "A fondo" sobre un Carballo renovado

En 2013 fixéronse dez anos da chegada do BNG á alcaldía de Carballo. Analizamos neste A Fondo as políticas que permitiron transformar a capital de Bergantiños. 

Nos últimos anos Carballo gañou en espazos para as persoas, en humanización, en embelecemento da vila a partir de dinámicas iniciativas de arte urbana, como o proxecto "Derrubando muros con pintura"  e de recuperación dos seus espazos verdes, como as ribeiras do mítico río Anllóns.  O concello gañou tamén en desenvolvemento sostíbel, na aposta pola formación e pola cultura como motor económico e na proxección dunha das súas facianas máis fermosas e descoñecidas, o mar, encarnado no espazo natural Razo-Baldaio.

Son varios os aspectos que analizan as bases deste novo Carballo, acompañados de columnas de opinión nas @s escritores/as Rosalía Fernández Rial, Henrique Mariño e Farruco Graña escriben sobre a súa vila.

Referente cultural

No ámbito cultural, facemos repaso de iniciativas que fan de Carballo referente, como o veterano Festival Internacional Outono de Teatro, ou iniciativas de novo cuño como o Carballo Interplay, o primeiro festival  de webseries do Estado. Así mesmo, incidimos no dinamismo cultural do tecido cultural carballés, que fai posíbel a existencia de festivais de música como o Sereas e Piratas, o Pop Up, o Rock´in ou o Xiriapop, e na creación de sinerxías entre o ámbito cultural e outros sectores económicos da vila, como o hostaleiro.

A humanización da trama urbana de Carballo é tamén obxecto de reflexión, con políticas encamiñadas a devolver as rúas ás e aos transeúntes, coa peonalización dalgunha das máis céntricas, e diversas iniciativas que animan a percorrela a pé, como o Metrominuto, un plano similar ao do metro que sinala canto se tardeaen percorrer as distancias a pé entre distintos puntos da vila; o Pedibús, que organiza ás e aos cativos carballeses para que vaian a pé até os seus colexios, ou o paseo de ao redor de sete quilómetros ida e volta á beira do Anllóns.

Arte urbana para unha vila nova

Na humanización da vila xoga un papel fundamental a arte urbana, na que se detén este A Fondo noutra das súas paradas.  Esculturas públicas de artistas contemporáneos como Manuel Facal, Buciños ou Francisco Pazos, edificios que son emblema da vila, como o Fórum, o Pazo da Cultura e a futura biblioteca, e o proxecto de arte urbana "Derrubando muros con pintura", no que se congregan pintoras e pintores locais e estranxeiros, están a construír unha nova linguaxe urbana para Carballo, que suture as feridas provocadas polo urbanismo desordenado da segunda metade do século pasado.

Na entrevista ao alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, este descóbrenos á vila como un bo lugar para vivir e tamén para investir. Fálanos dun concello no que, malia a crise, non se recortou nin en cultura, nin en deporte, nin en servizos sociais, nin en promoción turística económica. " agora xa a xente se identifica con determinadas actuacións urbanas que dignifican este pobo e coa idea de que temos que continuar por esa senda moito máis florida desta transformación", afirma.

Políticas de formación

O A Fondo deste número detense, así mesmo, na aposta polas políticas de formación a través do Fórum, un centro formativo único na Galiza e unha das máis novas infraestruturas da vila  pensado para mellorar a cualificación de traballadores/as e empresarios/as, con amplas instalacións e obradoiros para actividades formativas de diverso tipo e tamén cunha escola de hostalaría única na Costa da Morte.

Remata o A Fondo cunha análise ao respecto das políticas de promoción turística de Carballo como punto de encontro, de cara ao turismo de eventos que aproveita o efecto chamada da dinámica actividade cultural e deportiva do concello.  Afondamos, así mesmo, nas últimas páxinas do suplemento nas políticas de sostibilidade ambiental.

Conclúe o suplemento cunha reflexión ao redor da ilusión, na capacidade de imaxinar a vida soñala, para transformala, cun repaso ás máis novidosas iniciativas que están a pular por este cambio de faciana da vila de cara a un Carballo de futuro.