Rianxo ábrese ao erotismo

O I Certame Galego de Poesía Erótica Recitada quere educar unha veciñanza “moitas veces ignorante no coñecemento da sexualidade”. Amais da produción dun vídeo poema, o premio ao gañador completarase cunha peza de cerámica “acorde coa temática do certame” que terá lugar este sábado na vila mariñeira.

 

O primeiro certame de poesía erótica do país chega á zona norte da Ría de Arousa de mans da concellería de Educación, Cultura e Normalización Lingüística de Rianxo. Co obxectivo de “normalizar e naturalizar a sexualidade” nunha veciñanza en ocasións “ignorante” no coñecemento do erotismo, o concurso chega após tres citas nas que, coa mesma temática, se levaron a cabo espectáculos de teatro polas seis parroquias da vila arousá, contacontos e mesmo un slam de poesía. Terá lugar este sábado. 

En canto a certames de poesía erótica no país, atopamos un antecedente nas Illas Sisargas, malia que engadir o plus do recital, converte o de Rianxo nun proxecto pioneiro na Galiza. Cómpre destacar, por outra banda, que a inmensa maioría de participantes deste encontro que terá lugar no día de mañá no Auditorio de Rianxo, ás 20 horas, son mulleres.

A gañadora do certame será obsequiada coa produción e edición dun video poema, amais dunha peza de cerámica acorde co espírito do concurso. Aliás, os poemas finalistas serán publicados nun caderno que incluirá fotografías e un breve perfil de cada unha das súas autoras.
A xeira pecharase coa actuación musical a cargo da cantante de orixe galega e palestina, Najla Shami.

Imaxe capa: Egon Schiele