30 colectivos analizan no Museo do Pobo Galego os retos do asociacionismo cultural

Representantes das asociacións asistentes ao encontro de colectivos culturais promovido polo Museo do Pobo Galego. (Foto: MPG).

O Museo do Pobo Galego acolleu está maña un encontro de perto de 30 colectivos de toda Galiza para analizar a realidade do asociacionismo cultural e definir os seus retos de futuro.

O Museo do Pobo Galego puxo remate ao programa de actos organizado para conmemorar o centenario do Seminario de Estudos Galegos (SEG) cunha xornada titulada “O futuro dun legado. Encontro do asociacionismo cultural galego a cen anos do SEG”.

O encontro contou coa presenza de ao redor de 30 entidades culturais de toda a Galiza. Así, entre as asociacións presentes atopábanse asociacións como O Galo de Compostela, Instituto de Estudos Chairegos de Vilaba, Club Cultural Valle-Inclán de Lugo ou Instituto de Estudos Bergantiñáns de Carballo.

A xornada serviu para que as entidades puxeran en común as problemáticas e retos que xorden na xestión dos seus proxectos e analizaran as posibilidades de buscar liñas de actuación comúns de cara o futuro.

Os colectivos asistentes apuntaron como retos para o futuro a busca de novos espazos nas propias estruturas para as mulleres e a xente nova, a importancia de colocar os coidados no centro ou a necesidade de diminuír a dependencia económica das subvencións públicas.

As asociacións presentes valoraron como moi positiva e necesaria a xuntanza e expresaron a súa vontade de darlle continuidade no futuro para seguir tecendo a rede de intercambio entre os colectivos.

A memoria do Seminario de Estudos Galegos

A memoria do Seminario de Estudos Galegos pairou sobre este encontro. A entidade, impulsada polo nacionalismo en 1923, contribuíu á modernización cultural e científica da Galiza  desde a súa creación até a súa liquidación polo golpe de Estado fascista de 1936.

O director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar, sinalou na presentación do encontro que  "o espírito Seminario de Estudos Galegos non foi aniquilado en 1936, senón que segue moi presente na nosa sociedade. Porque temos un patrimonio cultural que é fundamental para existirmos como sociedade”.

Manuel Vilar destacou a importancia do patrimonio galego, que “temos que nomear, coñecer e transmitir ás xeracións que veñen detrás de nós, tal como a xente do Seminario de Estudos Galegos fixo para que nós poidamos encontrarnos hoxe aquí".