343 obras literarias preséntanse aos premios da Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña celebrou cunha gala, o pasado febreiro, os seus premios culturais. (Foto: Deputación da Coruña).
O Raíña Lupa estrea este ano dupla modalidade: infantil e xuvenil.

Un total de 343 obras presentáronse neste 2024 aos premios literarios convocados pola área de cultura da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar e visibilizar a creación en literatura infantil e xuvenil, narrativa, banda deseñada e poesía. Os certames que se convocaron neste exercicio son o Torrente Ballester de Narrativa en galego e castelán; o Castelao de Banda Deseñada; o González Garcés de Poesía e o Raíña Lupa de LIX.

No caso do Premio González Garcés de Poesía, que chega á súa XXII edición, bateu record de convocatoria coa cifra de orixinais máis alta da última década, chegando ás 129 obras recibidas neste 2024. 

Tras a recepción de todas as propostas participantes, neste mes de agosto comezarán a celebrarse as reunións dos diferentes xurados para elixir as obras gañadoras. Concretamente, iniciaranse o 28 coa do XIX Premio Castelao de BD.

Posteriormente, entre os meses de agosto e novembro, concederanse os cinco premios literarios deste 2024 aos que a Deputación destina un importe de 62.500 euros. Ademais, as obras gañadoras serán editadas para a súa distribución en librerías e poedr así achegalas ao público lector.

Os xurados deste ano estarán formados por un total de 25 persoas de recoñecido prestixio no mundo literario: Brais Lamela, María Sánchez, Yolanda Castaño, Carlos Nergo, Sica Romero, Oriana Méndez ou Xulia Vicente son algún dos autores e autoras que forman parte dos xurados do Torrente, Garcés, Raíña Lupa e Castelao.

Unha das novidades deste ano a respecto a outras edicións atópase no Premio Raíña Lupa, que estrea unha dupla modalidade e premiará dúas obras, unha na modalidade infantil e outra en xuvenil.