50 protagonistas das Letras Galegas, nunha antoloxía en italiano
Entre o 17 de maio de 1963, cando un grupo de galeguistas decidiron conmemorar un século da publicación de Cantares Gallegos, e o de 2011, dedicado ao poeta Lois Pereiro, transcorreu medio século de homenaxes. La letteratura galega. Autori e testi pércorreo para o lectorado italiano.
Os centros de estudos galegos de Padua, Roma e Perugia encargáronse da publicación, dentro da colección Finisterrae da editorial Carocci Editore. Colaboraron a Real Academia Galega e mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística. “O volume pretende ser unha obra de referencia e utilidade para quen se achegue desde o italiano ás letras galegas”, sinala nun comunicado a Academia. O libro inclúe as versións galegas orixinais dos materiais.
La letteratura galega. Autori e testi inclúe as biografías das 50 escritoras e escritores, as súas bibliografías e “unha escolma de textos representativos en versión orixinal e a correspondente tradución ao italiano”. A maiores, tres apéndices serven para contextualizar a literatura galega entre o Rexurdimento e o final do século XX, con información sobre feitos históricos, publicacións periódicas, mapas e un glosario.