A AELG homenaxea ao poeta palestino Mahmud Darwich na celebración da Nakba

Darwish

No día 15 de maio no que se fan 65 anos da Nakba palestina, a AELG homenaxea ao poeta Mahmud Darwich cun acto no que se lle porá o seu nome a unha aula da Escola Oficial de Idiomas da Coruña. Darwich estivo na Galiza en 2006 para ser recoñecido co premio internacional da asociación da literatura galega. 

Ás 18.30 deste 15 de maio no que se conmemora o 65 aniversario da Nakba palestina, a AELG organiza un acto no que se nomeará un aula da Escola Oficial de Idiomas da Coruña co nome do poeta palestino Mahmud Darwich. A iniciativa, promovida xunto co Departamento de Árabe da E.O.I, contará coa presenza da xefa do departamento Celeste Seoane e o presidente da AELG Cesáreo Sánchez ademais dun recital da poeta Yolanda Castaño.  

Darwich estivo na Galiza en 2006, dous anos antes da súa morte, para recoller o premio internacional da AELG. Natural de Galilea, a súa familia tívose que exilar ao Líbano e foi, desde a poesía, portavoz do pobo palestino. Recoñecido como un dos grandes poetas árabes, cantou como poucos a resistencia palestina “Mahmoud Darwich é un dos máis grandes poetas árabes contemporáneos. Soubo mesturar a beleza do verbo e a profundidade do sentido. Soubo describir o sufrimento palestino, mais tamén a determinación do seu pobo a opoñerse, sobrevivir, ser. Recoñecido como a voz da Palestina, a súa pluma soubo deseñar o contorno dos soños e as aspiracións do pobo palestino”  anotaba a AELG ao lle outorgar o seu galardón no 2006. 

Liberarse da ocupación

Decía entón Darwich no seu discurso no acto de Compostela que o premio era para el, mais non só, destinando o recoñecemento a todo o pobo palestino. “Porque o texto que contén é o froito do esforzo dun pobo que defende o seu dereito á liberdade e á indepenencia, e defende a súa identidade nacional e cultural cunha heroicidade insólita, para conseguir o seu máis humilde soño: Liberarse da ocupación e da escravitude”.