A "Istoria" volve a Ribadavia
A Festa da Istoria comezou da man da Escola Taller de Santo Andrés, e unha coordinadora veciñal tomou o relevo. No ano 98 constituíuse a Fundación Festa da Istoria, que xa foi declarada de Interese Turístico Nacional. Nas súas 24 edicións, consolidouse entre as festas do verán. Este ano houbo que axustar o orzamento (eliminou os certames de fotografía e pintura), pero segue a manter un programa cargado de teatro, música, gastronomía e actividades para @s máis pequen@s.
Na tarde desta sexta xa haberá música medieval na Igrexa de San Domingos, alén dun concerto de Banda La Lira, no adro, a Procesión da Cruz Verde, polas rúas e prazas do centro histórico, e a peza de teatro "O Malsín", no auditorio do castelo, onde vari@s voluntari@s recrean a denuncia que o Malsín fixera perante o Santo Oficio dos seus familiares e veciñ@s. Xa este sábado, ábrese o mercado medieval, terán lugar o Gran Desfile e o clásico xadrez xigante ou a voda xudía.
Ao longo da xornada actuarán Os Quinquilláns ou o grupo Acribeira, haberá torneo medieval e exhibicións de esgrima ou cetrería. Asemade, ambos os dous días está aberto o "recuncho infantil" na Alameda, mañá e tarde.