A Asociación de Actores e Actrices unirase á confrontación contra o "lesivo" anteproxecto de lei de medios públicos da Xunta

Sede central da CRTVG en San Marcos, en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
A AAAG considera que a CRTVG debe ser "ferramenta fundamental e independente para a formación, a información e a participación cidadá e elemento difusor da cultura propia, así como gran motor para o noso sector audiovisual a través dunha produción propia e dunha ficción que sempre serviron de transmisores incontestábeis para o noso idioma".  
 

A Asociación de Actores e Actrices da Galiza (AAAG), asociación sindical que aglutina a máis de 330 profesionais da interpretación e da dirección de escena, vén de facer público un comunicado no que secunda o emitido nesta terza feira, 6 de agosto, polo Comité Intercentros da CRTVG, en relación ao anteproxecto de lei de medios públicos aprobado polo Consello da Xunta a semana pasada. A AAAG quere facer propias as palabras do Comité Intercentros, "A nosa alegación será a mobilización".

A AAAG mostra así o seu apoio ao Comité Intercentros e súmase "á indignación que está a espertar o amentado anteproxecto, tanto polo seu lesivo contido como polo proceder da Xunta de Alfonso Rueda". A AAAG considera que o anteproxecto "non conduce a ningunha outra parte que non sexa a disolución completa da verdadeira natureza dun medio público".

A AAAG sinala que "a iniciativa lexislativa, que virá para substituír a norma en vigor aprobada en 2011 e nunca aplicada en realidade, desoe as reclamacións sobre transparencia, renovación e pluralidade que se acumulan dende hai anos sobre a xestión do ente público". Ao tempo, significa un "retroceso moi preocupante", "lonxe de avanzar na independencia dos medios públicos", como manifestou o Colexio Profesional de Xornalistas da Galiza.

A AAAG considera que a rebaixa das maiorías cualificadas no Parlamento para a escolla da dirección da CRTVG, a eliminación da necesidade de creación tanto do estatuto profesional coma dun Consello de informativos -recollidos na lei en vigor e nunca desenvolvidos- e a apertura da CRTVG a outros idiomas máis alá do galego "amosan ás claras a vontade política do Goberno de Alfonso Rueda, que decide anunciar ás portas de agosto as súas intencións nun campo tan sensíbel para o funcionamento democrático da sociedade".

A AAAG considera que a CRTVG debe ser "ferramenta fundamental e independente para a formación, a información e a participación cidadá e elemento difusor da cultura propia, así como gran motor para o noso sector audiovisual a través dunha produción propia e dunha ficción que sempre serviron de transmisores incontestábeis para o noso idioma". 

"O anteproxecto de lei aprobado pola Xunta de Alfonso Rueda lévanos, en definitiva, á maior deterioración da CRTVG, continúa a someter o ente aos intereses do Partido Popular e lamina os xa minguados mecanismos que deben garantir tanto o pluralismo coma a independencia dun medio público", conclúe.