CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Abbath-Abbath

Despois de 7 anos de silencio discográfico, Abbath, quen fora fundador de Inmortal, unha das bandas máis famosas  e carismáticas de Black Metal, volve á palestra co seu primeiro traballo en solitario. Acompañado ao baixo por King ov Hell (Gorgortoth, God Seed) e na batería por Criatura (Disavowed, Benighted), volveu para demostrar que non precisa de ninguén para facer o mellor black metal do momento.

Se ben a portada do disco, no que aparece a súa cara co seu famoso corpse paint, non é moi orixinal, e o título do disco tampouco o é, no interior atopamos 8 descargas de pura tralla escura norueguesa. Dende o primeiro tema, To War!!, atopamos esa complexidade nos riffs característica das composicións de Abbath, que xunto coa súa voz lémbranos perfectamente Inmortal, tónica que seguirá durante todo o disco, aínda que a presenza das guitarras ao longo do álbum sexa algo desigual , cousa que ás veces descoloca na propia escoita do álbum.

Se hai algo que diferencie este traballo dos anteriores con Inmortal, son sen dúbida as baterías

Se hai algo que diferencie este traballo dos anteriores con Inmortal, son sen dúbida as baterías. Criatura non pode negar a súa procedencia musical cun claro estilo máis próximo ao Death e mesmo ao Doom, o que deixa as percusións un pouco lixeiras de máis. Neste punto si que se bota en falta a pegada e contundencia rítmica de Horgh. Este problema podería terse disimulado un pouco na produción, inferindo máis contundencia no son, cousa que incomprensiblemente non fixeron.

Abbath conxuga neste traballo temas rápidos como Ashes of the Damned ou Fenrir Hunts, con outros con medios tempos como Ocean of Wounds ou Root of the Mountain, deixando claro que agora, Abbath séntese libre para facer o que lle peta no terreo compositivo, fóra dos límites marcados por Horg  e Demonaz sentíndose plenamente cómodo nun traballo que realmente funciona e que demostra por que é un dos mellores músicos Black Metal.  Un disco que superou ás miñas expectativas.

 

LISTAXE DE TEMAS

1. To War!
2. Winter Bane
3. Ashes of the Damned
4. Ocean of Wounds
5. Count the Dead
6. Fenrir Hunts
7. Root of the Mountain
8. Eternal

ABBATH NA REDE
WEB: www.abbath.net
FACEBOOK: https://www.facebook.com/abbathband