A Academia Galega completa a dixitalización das súas publicacións

20220621_RAG_DIXITALIZACION_01[31906]
Alén de mellorar a accesibilidade ás obras, cumpren outro obxectivo fundamental: evitar a deterioración dos exemplares orixinais custodiados na biblioteca da RAG. Todos os títulos poden consultarse en academia.gal

A Real Academia Galega vén de completar a incorporación da práctica totalidade das obras que editou, dende a súa fundación en 1906, á sección de publicacións dixitais da súa páxina web. As novas achegas son en total 177 títulos con preto de 37.000 páxinas que abranguen dende o primeiro dicionario da RAG (1913-1928) ata discursos de ingreso na Academia e as distintas normas da lingua, entre outros traballos. O catálogo completo suma así uns 325 volumes dixitalizados que poden consultarse de balde dende calquera parte do mundo cun simple clic, de acordo co propósito da RAG de ofrecer á cidadanía todas as súas publicacións en aberto. 

O Diccionario gallego-castellano que a RAG publicou en fascículos entre 1913 e 1928 é un dos exemplares que xa poden descargarse en academia.gal. O manual, elaborado polo historiador César Vaamonde Lores, segundo arquiveiro-bibliotecario da Academia, é unha contribución incompleta que remata na voz cativo, pero de indubidábel interese histórico e lexicográfico. Alén de atender, coma os anteriores dicionarios galegos, a recolla de voces usadas, antigas ou modernas, este foi o primeiro que se preocupou tamén pola modernización do idioma. 

 

 

As edicións orixinais dos discursos de ingreso na RAG de figuras como Ramón Otero Pedraio, Francisco Fernández del Riego, Xenaro Mariñas del Valle, Xosé Neira Vilas e Luz Pozo Garza constitúen outro bloque destacado de obras dixitalizadas que incorporan o recoñecemento óptico de caracteres. 

Tamén se completou a dixitalización de edicións especiais co gallo do Día das Letras Galegas ao coidado de membros da Academia, entre elas as dos títulos dedicados a Ramón Cabanillas (1976), de Carballo Calero; Francisca Herrera Garrido (1987) e Otero Pedrayo (1988) a cargo de Carlos Casares; Celso Emilio Ferreiro (1989) por Antonio Fraguas; Álvaro Cunqueiro (1991), por Xosé Filgueira Valverde; Rafael Dieste (1995), a cargo de Salvador García Bodaño; ou Xesús Ferro Couselo (1996), de Olga Gallego. 

O epistolario de Murguía, os folletos e catálogos do centenario da Academia e dos distintos congresos organizados pola RAG arredor da figura e da obra de Emilia Pardo Bazán, son outras das obras que se incorporan ao catálogo. 

 Alén de mellorar a accesibilidade ás obras, cumpren outro obxectivo fundamental: evitar a deterioración dos exemplares orixinais custodiados na biblioteca da RAG, xa que moitas consultas até o momento física poderán resolverse de maneira exclusivamente virtual.