Seis académicos reiteran que o plenario debateu iniciar a expulsión de Ferrín

Sede da Real Academia Galega na rúa Tabernas da Coruña.

O convulso plenario da Real Academia Galega o pasado sábado 17 de marzo debateu iniciar o proceso de exclusión de Ferrín como académico de número. Así o entenden seis académicos presentes na xuntanza que veñen de remitir un comunicado ao medios de comunicación: Xosé Luís Axeitos, Chus Pato, Darío Xohán Cabana, Francisco Fernández Rei, Manuel González e Euloxio Ruibal.
 

Os asinantes do documento, e mais outros dous académicos -Manuel Rivas e Xosé Luís Regueira-, introduciron na orde do día do máximo órgano de decisión da Academia do 17 de marzo o seguinte punto: “Solicitude de reincorporación de Xosé Luís Méndez Ferrín á relación de actuais académicos de número”. “A nosa única pretensión”, din no comunicado, “era corrixir esta irregularidade e de que se reincorporase o nome de X. L. Méndez Ferrín á listaxe de académicos numerarios 'vivos', seguindo o mandato do plenario de marzo de 2013”.

 

O mencionado plenario de marzo de hai cinco anos tomara, despois de que Ferrín presentase a sú dimisión como presidente e membro da institución, o seguinte acordo por unanimidade: “A Real Academia non acepta a renuncia como académico de Xosé Luís Méndez Ferrín, polo que non se vai cubrir a súa vacante”. Os seis académicos lembran que, desde aquela, non se adoptou ningunha decisión que anulase a de 2013. “Xosé Luís Méndez Ferrín segue formando parte da lista de académicos de número da Academia”, afirman.

 

O comunicado expón que, “nun momento determinado que non se coñece con precisión”, o nome do autor de Con pólvora e magnolias (1976) desapareceu da listaxe de académicos actuais da páxina web da RAG e, “polo tanto, dos membros integrantes do seu plenario. Tampouco se sabe quen deu orde para executar esa modificación”. Ferrín tamén desapareceu da listaxe de numerarios que publica o Boletín da institución cada ano.

 

“Na xunta do sábado pasado, en vez de discutir a proposta da orde do día, algúns membros da executiva e outros académicos trataron de derivar o contido do punto e someter a votación non a corrección solicitada”, esténdense os seis académicos, “senón algo que non figuraba na orde do día: enviarlle unha carta a X.L. Méndez Ferrín cominándoo a aclarar se seguía mantendo a súa decisión de dimisión ou non [producida hai cinco anos] para poder iniciar o proceso da súa exclusión como académico de número, prevista no Regulamento para aqueles casos de non participación nas actividades académicas”.

 

A discusión desencadeada por esta situación foi, segunda persoas alí presentes, dura. Os oito propoñentes da inclusión na orde do día da “Solicitude de reincorporación” retiráronse do plenario. “Fixémolo para non participar nunha votación que consideramos sen efectos legais por non responder a ningún punto da orde do día”, aseguran no comunicado remitido na tarde desta cuarta feira.

 

“Mentres a Real Academia Galega non revogue o acordo de non aceptar a renuncia de Méndez Ferrín, queremos que se lle aplique o mesmo tratamento que se lle deu a outros casos de académicos que presentaron a súa dimisión formal ante o plenario, pero que non lle foi aceptada e que figuraron como numerarios ate o día da súa morte”, din. Colocan os exemplos de Monseñor Araúxo e Jenaro Marinhas del Valle.

 

O comunicado asinado por Axeitos, Pato, Cabana, Fernández Rei, González e Ruibal conclúe cun lamento “porque a RAG sexa, unha vez máis, noticia negativa nos medios de comunicación. Esperamos que esta situación se resolva con sensatez e sen crispacións. Estamos desexosos dun diálogo construtivo que transmita á sociedade a idea de que é unha institución fiable, e que sitúe de novo a RAG na cabeza da defensa e da promoción da lingua e da cultura galega, porque iso é o que se espera de nós”.