Adeus ao independentista e activista cultural Manolo Soto

Manolo Soto
Activista cultural e militante independentista, Manolo Soto morreu con sesenta anos hoxe e será homenaxeado no próximo sábado. Foi fundador do Festival de Poesía do Condado.

Este verán, Manolo Soto participaba activamente na organización da vixésimo sexta edición do Festival da Poesía do Condado, o único que se mantén no país coa poesía como protagonista. desde a Sociedade Cultural e Desportiva do Condado que fundara en 1973, Soto mantivo durante os últimos corenta anos o activismo social, político e cultural que o caracterizaba.

Na actualidade militaba en Nós-Unidade Popular, da que formaba parte desde a súa creación. Na súa ampla traxectoria no independentismo, pasou por cadeas españolas pola súa militancia no Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive.

Mañá mércores ás 20 horas realizarase un pequeno acto de despedida antes do traslado do corpo a Vigo. Prepárase para sábado unha homenaxe. Neste verán, Diário Liberdade entrevistouno diante da celebración dunha nova edición do Festival da Poesía do Condado, conversa na que falou da cultura de base, da lusofonía e da propia historia do encontro, entre outros temas.