A AELG xa prepara o Día de Rosalía

Rosalía de Castro

Agasallar cun libro e unha flor no Día de Rosalía. A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega comeza xa a preparar a conmemoración do 24 de febreiro, data do nacemento da poeta, e quere que asociacións, concellos e demais entidades se impliquen nunha xornada de festa para as nosas letras. 

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega comeza a preparar un amplo programa de actividades encamiñados a celebrar a autora de Follas Novas na data do nacemento, o 24 de febreiro que a Consellaría de Cultura e Educación recolle como Día de Rosalía de Castro. A entidade que agrupa escritores e escritoras quere institucionalizar a data como unha xornada de celebración da nosa literatura, convidando á cidadanía a partillar da festa agasallando un libro en galego e unha flor. 

A AELG buscará que concellos, asociacións culturais e demais entidades participen na celebración do Día de Rosalía e, nesta edición, convocarán tamén a centros de ensino para organizaren lecturas, murais, debuxos ou iconografía arredor da escritora que logo se difundirán a través da súa web.  Promoverán tamén que a cidadanía se afaga ao costume de agasallar cun libro e unha flor nesa data. 

Un total de 28 concellos, ademais da Deputación da Coruña, declararon o pasado ano o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro e, desta volta, a AELG solicitará a todas as entidades locais que se sumen á celebración e que recollan a conmemoración da escritora nas súas programacións culturais.