Contracultura

Afra Torrado, escritore: "Penso moito na adolescencia; é importante abordar temáticas nas que non teñen referentes"

Afra Torrado, escritore e ilustradore. (Foto: Nós Diario).
Afra Torrado (Bamio, Vilagarcía de Arousa, 1997) vén de recibir o Premio Follas Novas por 'Fago o que podo' (Roberto e Priscilla), unha obra de banda deseñada na que recolle os traballos e debuxos que foi realizando desde 2018 até o pasado ano arredor das súas propias experiencias no traballo, o amor e a vida en xeral.

Fago o que podo aborda moitas emocións que poden chegar a considerarse íntimas. Como se sente falando de todo isto de maneira pública?
Evidentemente en canto penso en publicalo tamén vou seleccionando as cousas que quero mostrar e as que non, porque tamén quedaron fóra moitas outras que eran demasiado particulares ou que aínda estaban moi recentes. Escollín temas bastante universais que, aínda que sexan desde a miña perspectiva, sei que cando menos as miñas amizades comparten. É certo que é bastante persoal, mais tamén as vexo como cousas suaves, dentro do que cabe. 

Ao final penso en cousas que lles poidan servir a outras persoas. Para sentirme eu mellor, escribo no meu diario e quedará aí até que morra. De feito recibo moito esa sensación de identificación de persoas moi dispares que len o libro. Sempre lles dou as miñas condolencias porque está xenial que o que eu debuxo sirva para que vexan que son cousas que lles pasan tamén a outras, mais segue sen ser agradábel ter que pasar por elas. É o que hai!

—Sendo un traballo que reúne debuxos que foron feitos ao longo de varios anos, que significa agora recibir o Premio Follas Novas?
Súper marciano! De feito unha persoa botoume as cartas e díxome que si que mo ían dar, pero evidentemente eu non o cría. E sigo sen asumilo. É algo tan meu, que levo facendo toda a vida... Non deixa de ser un fanzine en formato de libro, porque deixaron que fixera o que eu quería. Síntome súper estraña.

Ao ser un traballo tan autobiográfico e autorreferencial síntoo como se o premio fose para o que sae da miña cabeza, que evidentemente é así con todos os premios porque todas as historias saen da cabeza de alguén, mais hai unha sensación distinta ao recibilo. 

—En que proxectos está traballando actualmente?
Sigo facendo fanzines, coma sempre. Algúns deles sairán ao público e outros quedarán en nada, porque é como funciona o meu proceso habitual. Logo tamén está no aire, moi no aire, a posibilidade de sacar algún outro libro. Aínda así teño claro que sempre vou seguir polo autorreferencial. Non sei facer outra cousa, como as persoas famosas que viven de contar a súa vida na televisión!

Como dicía, penso moito no que poida ser útil para a xente e sobre todo, ultimamente, penso moito na adolescencia. Creo que é bastante importante incidir nela, abordar temáticas nas que quizais non teñen referentes ou, se existen, reciben moito maltrato. Tamén me parece importante motivar a rapazada a que faga cousas, a que se faga escoitar. 

Todo isto veu a raíz de facer as prácticas nun instituto e que leran o meu libro. Vin que gustaba entre a adolescencia, porque xa é algo asumíbel para a xente de 15 ou 16 anos, aínda que nun comezo eu non pensara en poder chegar a este público. E a raíz de aí tamén comezaron a chegarme opinións similares de persoas que teñen fillas e fillos destas idades e que tamén leron o libro e sentiron que falaba das súas propias experiencias.

Aínda así, volvemos ao mesmo: que persoas desta idade comecen a sentirse identificadas co que conto... É para pensalo. É unha sensación agridoce. Tamén porque vexo certas cousas que acontecen e que realmente non sei como se lles vai poder dar solución.