África López: "Enfádame que para triunfar as mulleres teñamos que ser perfectas"

África López
A colección ‘Feminismos’ promovida pola editorial Galaxia segue fornecendo libros que promoven o debate arredor da igualdade entre mulleres e homes. Mulleres que (nos) dan que pensar, de África López Souto, é un dos títulos máis recentes, e nel a autora coruñesa propón unha viaxe interior e exterior na que saca á luz moitas mulleres galegas de todos os tempos que até hai pouco nos eran descoñecidas. López Souto conta xa con outros libros publicados, como as monografías sobre Concepción Arenal ou Simone de Beauvoir

Como se relacionan en vostede filosofía e feminismo? Como explicar estas disciplinas mutuamente?

A filosofía ten que ver co pensamento humano e, deste xeito, cun dos trazos da idiosincrasia humana que se relaciona coa nosa inevitábel tendencia a reflexionar e interrogarnos polo que nos rodea. Non ten sentido que as mulleres queden á marxe desta característica. Non ternos en conta conduce a un pensamento incompleto. E o feminismo, como calquera movemento social e político, precisa ademais de prácticas e activismo, dunha reflexión ou parte teórica, que por unha banda denuncie as debilidades dunha historia do pensamento e dunha sociedade que cerceen as capacidades da metade da especie e, doutra, oriente sobre as posíbeis accións de cara á incorporación real e efectiva de todo o pensamento e realizacións da metade da humanidade. 

Cal era o obxectivo ao escribir Mulleres que (nos) dan que pensar?

En primeiro lugar, divulgativo. A idea motor era amosar a cantidade de diversas mulleres que estiveron aquí, ao noso carón, contribuíndo coa súa sapiencia, e case sempre desde as marxes, á sociedade na que vivimos. O que somos non é só froito das fazañas dos grandes homes que nos contan. Creo que é preciso que interioricen esta constatación as persoas novas para que non se sintan soas nin crean que a este punto chegamos sen grandes esforzos. 

Como prendeu en vostede a semente para crear este libro?

Levo moitos anos lendo sobre mulleres e de mulleres. Na miña traxectoria vital ir coñecendo a mulleres filósofas, escritoras, aventureiras e tamén rompedoras de carne e óso fíxome -faime- sentir arroupada, e axúdame a reconciliarme comigo mesma e co mundo. É unha sensación íntima e profunda que -supoño- ten que ver con que na infancia e adolescencia culpabilizábame sentirme bicho raro con frecuencia por motivos que logo fun vendo que non eran tan estraños nin especiais. Non quería entrar no corpiño do chamado feminino.  Cando Francisco Castro, compañeiro de Facultade e director de Galaxia, me propuxo facer unha recompilación de figuras femininas galegas, estalou a alegría e a ilusión dentro de min. 

No libro explica que se debe fuxir de considerar as mulleres sempre como pioneiras, xa que entraña moitos perigos. Por que?

Detrás das pioneiras adoita haber outras e outras até o infinito. Decote, unha é a primeira da Galiza, outra da Coruña, e outra do barrio de Montealto; ningunha xurdiu da nada, senón doutras en Culleredo, París ou da profunda selva amazónica. Ou sexa, investigar nas fazañas e pensamentos das mulleres, si, pero se nos centramos en pioneiras absolutas, isto podería frear a continuación das pescudas. Se ao falar de pioneiras asociamos isto con que foron excepcionais, córrese o risco de caer na idea de que para facer algo bo sendo muller has de ser tamén extraordinaria, santa ou perfecta. Enfádame que para “triunfar” teñamos que ser perfectas no que facemos. Se cadra unha mellor dirección sería a de encadrar as mulleres no seu momento histórico e nas súas relacións con outras mulleres, homes, ideas, acontecementos; con contradicións, torpezas e acertos En caso contrario, parece que seguimos a falar de bonecas bonitas.

Destaca moito a forma na que está escrito este libro, pois nel conta trazos da biografía de mulleres galegas de todas as épocas, aínda que tamén está moi presente a súa propia. Como foi a xénese?

Entendo que quería deixar moi claro que as mulleres aínda non dispoñen dun cuarto propio para escribir e que teñen que interromper continuamente a súa carreira polas tarefas máis rutineiras, é así? Quería escribir de forma honesta. O que pasou, como creo que lle acontece a demasiadas mulleres, é que me atopei limitada, interrompida por multitude de pequenas obrigas e responsabilidades que teñen un marcado nesgo de xénero. E creo que iso inflúe na miña forma de escribir e pensar. Polo xeral, non me gusta que ocorra isto, porque intúo que hai unha gran parte de imposición social (no coidado de crianzas, maiores e casa continúa asignándose a moitas mulleres unha carga inxustamente maior). Tamén son quen de ver que desas tarefas e forma de vida imposta pódense extraer reflexións e prácticas interesantes. 

Cales foron os criterios que tivo en conta á hora de falar dunhas mulleres e deixar fóra outras? 

Intentei que predominase a variedade. Penso que ningún ámbito humano é estraño á inmensidade das mulleres reais, e procurei reflectilo. Cada eido ten as súas particularidades e condicións, co que é moi difícil abranguelo todo ou mesmo seleccionar o máis destacábel. Lin e investiguei até onde puiden, coas miñas limitacións persoais. Tratei de ser seria, mais son consciente de que o que pretendía escapaba ás miñas posibilidades, polo que sen perder de vista o dito, á hora de elixir deixeime levar polas miñas apetencias subxectivas. 

Ten conciencia do momento no que se decatou de que quería ser feminista? Hai un antes e un despois?

Hai moitos momentos. De nena gustábame ler sen freo todo o que caía nas miñas mans e tamén xogar cos rapaces na rúa, e priorizaba iso sobre poñerme guapa, maquillarme ou xogar a cociniñas. Lembro o que me impresionou ler La Tribuna, de Emilia Pardo Bazán aos 14 anos, de fixarme nos nomes de María Xosé Queizán e Xohana Torres na clase de galego, de pensar “ao fin, unha muller!” ao escoitar -en 4º de carreira- o nome de Simone de Beauvoir. Quizais, este último momento foi o que marcou máis un antes e un despois...  

É mestra de Filosofía no IES Urbano Lugrís da Coruña. Como contribuír a xerar conciencia desde as aulas?

É imprescindíbel, e xa vai tardando, que os nomes e formas de vida das mulleres estean integrados nos currículos das materias. Pero mentres iso non aconteza, tócanos facelo a cadaquén desde a súa materia. Unha das maneiras máis claras é a de introducir, do xeito máis natural, referencias a mulleres. Para iso, temos que formarnos, ler, investigar e logo probar a introducir. Eu intento facelo en todas as materias que imparto. Ás veces, capto miradas que transmiten “xa está outra vez esta co tema”, mais na maioría das ocasións atópome ollos moi abertos e preguntas estimulantes. 

Na actualidade estanse publicando un monte de títulos arredor do feminismo, e incluso xenealoxías de mulleres. Cre que é unha moda ou que calará na sociedade?

Creo que é bo, pero non podo evitar ter medos. De que só os lean as nenas concienciadas, de que unha vez máis as ondas avancen, pero logo retrocedan. De que medren as reaccións dos obstinados nos valores do patriarcado e das linguas viperinas das mulleres que lles seguen a corrente para vituperar as que non o fan. Non obstante, hai que tentar que estes medos sexan acicates para seguir alzando as voces agudas, para denunciar e para sentarnos nas mesas ás que non esteamos invitadas.

"As mulleres, como acotío, fican onde non hai poder", di no libro. Aínda así foxe do concepto de empoderamento do que tanto se fala na actualidade. Por que?

Esquivo o termo porque non teño nada claro que me convenza a súa significación e uso. Empregueino cando se empezou a utilizar a partir da Conferencia Mundial das Mulleres das Nación Unidas en Beijing (1995), porque a idea da estratexia á que se refería, de aumentar a participación das mulleres nos procesos de toma de decisións e acceso a posicións de poder, parecíame necesaria. Non obstante, teño a impresión de que o discurso neoliberal se apropiou perigosamente dela. Si concordo en que é boa a estratexia a de que as mulleres tomen conciencia do seu poder individual e colectivo, pero o de que teñamos que tomar o poder ou posuír o poder pode implicar a aceptación do poder estabelecido sen máis. 

Cal é a súa perspectiva con respecto ao cambio social feminista? Conseguiremos a igualdade real pronto?

Creo non ser excesivamente pesimista, pero para nada opino que poidamos lograr a igualdade real axiña. Os procesos de cambio de conciencia e hábitos sociais son máis ben lentos e, sobre todo, complexos.