Alberto Ramos gaña o Premio Abrente de textos teatrais con 'Os servizos prestados'

Alberto Ramos (Foto: Sabela Iglesias).
'Iribarne', de ButacaZero, peza da dramaturga Esther Carrodeguas, obtén o Premio do Público da MIT deste ano 2024.

O escritor e xornalista Alberto Ramos Ríos (Santiago de Compostela, 1986) gañou o 19º Premio Abrente de textos teatrais coa súa obra Os servizos prestados, o cal convoca o Concello de Ribadavia (O Ribeiro) a través da Mostra Internacional de Teatro (MIT).

Segundo informa a MIT de Ribadavia nun comunicado, o xurado concedeu, por unanimidade, este galardón polo seu "interese social, con posibilidade de xerar debate ao redor da explotación e da autoexplotación laboral e o risco que implica de perda de dereitos da clase traballadora conquistados historicamente". O premio consiste en 4.000 euros e a edición da obra gañadora.

Así mesmo, pon o foco na perda de vínculos de amizade por motivos de relacións laborais. Destaca polos seus cambios de personaxes, ritmo, ruptura da cuarta parede e uso de metáforas que concede ao texto moito interese escénico e calidade artística.

Ademais, o xurado subliña que "non é unha obra plana nin cunha única capa de recepción, xa que a complexidade dos personaxes e a capacidade para demostrar distintos puntos de vista fai de Os servizos prestados unha obra profundamente reflexiva e de recepción activa".

O xurado está composto pola actriz e dramaturga premiada en 2023, Nerea Brey; o actor Rubén Porto; Marcos Alonso, membro da Sala Ártika, así como polo director artístico da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Roberto Pascual.

Alberto Ramos cultivou diferentes galardóns literarios, o último deles foi o Premio Rafael Dieste co que se estreou como dramaturgo en 2023. Actualmente, traballa na área de comunicación da Asociación de Actores e Actrices da Galiza (AAAG).

Premio do Público

Por outra parte, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia concedeu a Iribarne, de ButacaZero, peza da dramaturga Esther Carrodeguas, o Premio do Público deste ano 2024, segundo deu a coñecer esta terza feira.