A alcaldesa de Lugo demanda da Xunta apoio para o Museo da Romanización

Restos arqueolóxicos atopados na rúa Quiroga Ballesteros de Lugo.
O Concello custodia máis de 15.000 pezas recuperadas ao longo de tres décadas de traballos e escavacións.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, demandou da Xunta apoio para o Museo da Romanización, no antigo cuartel de San Fernando, así como para infraestruturas vinculadas aos restos arqueolóxicos existentes na cidade.

“Son un importante legado do noso tempo e tamén un recurso incalculable para o noso futuro, por iso reiteramos a necesidade de que vos comprometades agora con Lugo e co Museo da Romanización”, afirmou.

Fíxoo durante unha visita ás coleccións arqueolóxicas que conserva o Concello, concretamente na Casa da Xuventude e no Vello Cárcere, onde se conservan centos de pezas antigas.

Ademais destas dúas naves, o concello mantén noutros espazos as máis de 15.000 pezas recuperadas ao longo de tres décadas de traballos e escavacións.