Aldán López, actor: "A través da recreación material aprendemos como pensaban as persoas que nos precederon"

Aldán López Dacosta é actor, director, esgrimista e emprendedor cultural en Cabaleiro Errante (Foto: Jose Troitinho).
Aldán López Dacosta, en colaboración con Suévia Recreaçom, impulsa o proxecto Porto de Bois: unha experiencia de historia ao vivo, un dos proxectos seleccionados pola área de Cultura da Deputación da Coruña dentro do fondo de proxectos culturais Reino da Galiza. 
 

Cales son os obxectivos do proxecto?
O primeiro, explicarlle tanto á Administración como á cidadanía que é unha recreación, xa que moitas veces non hai unha idea clara do que implica este fenómeno. Por outro lado, temos un afán de reconstruír e recrear a Galiza de 1370, así como atraer a xente afín que puidese estar interesada. Ao final, a recreación ten moito de investigación histórica porque utilizamos todos os datos que temos na nosa man para reconstruír anacos e fragmentos de vida. Isto quere dicir que temos que pórnos a pensar como comían, que comían, de onde saía esa materia prima...

É algo moi complexo e por Europa adiante hai moitos proxectos ben desenvolvidos neste sentido, mais na península Ibérica é moi complicado atopar un proxecto que desenvolva de maneira estrita o que é unha recreación, aínda que hai compañeiros que están a facer cousas moi interesantes en Portugal, Asturias ou León.

Cal é a importancia deste tipo de proxectos?
Eu creo que o seu valor é que permiten achegarte á historia desde un punto de vista máis material, máis marxista. Para a xente, atoparse con fragmentos de vida e non coas historias dos reis e das guerras, é moito máis próximo. 

A historia sempre se comprende desde a trama política e o devir militar dos homes, mentres que cando buscas a reconstrución da vida cotiá atopas con cousas moi diferentes. Unha cousa fascinante que descubrín grazas a unha das compañeiras investigadoras da agrupación é a concepción do xénero medieval, que non ten nada que ver coa concepción que temos a día de hoxe. Escápase por completo á nosa comprensión. 

Cando atopas cos argumentos machistas que defenden que as cousas sempre foron así, dáste de conta de que a través de procesos de recreación material aprendes como pensaban estas persoas, que é fundamental para entender o seu momento histórico. 

O que facemos sobre todo é visitar museos para observar as representacións pictóricas do vestiario ou demais elementos e buscar investigacións históricas, porque todo o que facemos está referendado. Moitas veces só pensamos na recreación de fitos históricos, mais podemos facelo tamén arredor de elementos. Por exemplo, temos a idea de reconstruír a viaxe do trigo, desde que se colleita nos campos dos arredores de Compostela até que chega á cidade e se transforma en pan. 

Cales son os plans de futuro?
A nosa idea sería construír a recreación da batalla, non como un obxectivo final, senón para construír toda a vida cotiá arredor dese momento. Estamos falando da batalla que marca a derrota dos Castro e que muda completamente a estrutura xeopolítica da Galiza.

Vinculado a iso, queremos investigar e amosar a vida da xente que estaba arredor dese conflito traballando pouco a pouco. Para o ano que vén a idea será, co grupo que construímos, intentar achegarlle á xente algo máis continuo: un campamento ao que á xente se poida achegar e observar a vida. E nos seguintes anos ir construíndo máis campamentos e unha serie de intervencións nas que o público poida participar. O obxectivo é que cando se teña o factor humano suficiente, quizais a 15 anos vista, ir facendo un evento que vaia movéndose até Pambre e marche cara ao campo de batalla para representar e reconstruír o que sucedeu.