O Alguén que respira! dá a coñecer os lugares ocultos de Compostela
Sechu Sende, Javier Peñafiel e Castillo Suárez porán voz na cuarta feira, 22 de setembro, a partir das 19.30 horas ao último acto neste mes do festival Alguén que respira!,
Os espazos inéditos que percorrerán concéntranse no barrio de San Pedro. Alí, as e os asistentes poderán descubrir o xardín da Maceta, a terraza do centro sociocultural da Trisca e o museo ao aire libre de Berto Leis.
Nesta cuarta edición do festival, que se divide en catro programas anuais e coincide sempre nos días de solsticios e equinoccios, salientan que saen da súa sede oficial, o Teatro Principal, para achegarse a “tres horizontes moi distintos de Compostela”.
A capacidade para a xornada é de 25 persoas, polo que as entradas estarán dispoñíbeis para as primeiras persoas que estean presentes ás 19.30 na Maceta, onde comezará a ruta guiada polo escritor e activista social Sechu Sende.
Deste lugar poñen en valor as zonas verdes interiores, tan valoradas nunha “cidade de clima cambiante”, antes de dirixirse á terraza do centro sociocultural da Trisca, que o festival cualifica como a “grande atalaia desde a que descubrir a confluencia histórica da capital galega coas montañas que a rodean e o val de fondo”, coa dirección do artista Javier Peñafiel.
O derradeiro espazo da edición de setembro é o museo ao aire libre de Berto Leis, “herdeiro dunha estirpe de forxadores que houbo nesta área –incluíndo a rúa das Fraguas– e que desenvolve desde hai anos en silencio unha obra persoal de evocación surrealista”, sinala a organización.
Convertido por primeira vez nun espazo susceptíbel de ser visitado, o escritor Castillo Suárez introduce o paso por “unha das xoias ocultas do país”, sostén o festival.