Amplíase o período para a programación de espectáculos da Rede Cultural na Coruña

Xurxo Couto, no centro da imaxe, enviou unha carta ás asociacións profesionais (dacoruna.gal)

O BOP desta terza feira, 31 de marzo, publica as medidas para reactivar o sector cultural adoptadas pola Deputación, que se puxo en contacto coas asociacións profesionais para coordinar actuacións.

O Boletín Oficial Provincial da Coruña publica nesta terza feira, 31 de marzo, as primeiras medidas tomadas pola Deputación co fin de reactivar o sector cultural e que trasladou ás distintas asociacións profesionais para coordinar unha resposta conxunta.

"A área de Cultura da Deputación da Coruña está a promover a modificación de liñas de traballo para adaptalas á situación actual e novas iniciativas encamiñadas a paliar os efectos negativos que a COVID-19 vai ocasionar no mundo da cultura", sinalou o departamento que dirixe Xurxo Couto.

Entre estas accións, segundo recolle o BOP, destaca a flexibilización das bases da Rede Cultural, coa ampliación do prazo de programación por parte dos Concellos. Esta estenderase até o primeiro trimestre de 2021 "para así manter o orzamento e as actividades da edición anterior", explican desde a área de Cultura do organismo provincial.

Pagamentos pendentes

Xurxo Couto, nunha carta enviada ás asociacións profesionais, comunicou que a Deputación "dará prioridade á realización dos pagamentos pendentes, garantirá as programacións propias con axustes á situación sanitaria no calendario previsto, e prorrogará o prazo para o desenvolvemento e xustificación das actividades subvencionadas".

Ademais, mostrouse aberto á "achega de propostas" e anunciou que, unha vez se poida regresar á normalidade, impulsarase "unha campaña de apoio á cultura galega".