Ana Amado: "Algunhas mulleres ían ao lavadoiro cando os mariñeiros cobraban para non aguantalos"

A directora Ana Amado. (Foto: Laura C. Vela)
Ana Amado (Ferrol, 1975) é, xunto con Lois Patiño, a directora de Lavadoiro, unha curta que se proxecta no Festival Internacional de Curtas de Verín e que recolle as memorias de mulleres anónimas arredor destes lugares e a influencia que teñen ou tiveron nas súas vidas. 

A curta acontece, entre outros lugares, arredor do lavadoiro de Artes (Ribeira, O Barbanza). Por que neste espazo en concreto?

Este é un lavadoiro bastante longo, debe ser dos máis longos da Galiza. Despois da recuperación deste lavadoiro, que fixo o arquitecto Carlos Seoane, encargoume unha reportaxe para retratar ese espazo. Eu levei unha saba para recrear o seu uso, e de aí xurdiume a idea de facer algo máis aí. Desde o momento no que pensas nas mulleres que utilizaban os lavadoiros iso tamén te leva a querer saber o que ocorría alí. Pensamos que sería moi axeitado facelo en vídeo porque as fotografías non chegan a reflectir toda a atmosfera coa auga correndo e o seu son. Con esta idea pensei en Lois Patiño e no seu enfoque desde o máxico, o espectral e a natureza. Pareceume a persoa axeitada para poder captar esta esencia e, por sorte, dixo que si. 

Decidiron contar cos relatos de mulleres que utilizaban os lavadoiros. Cales eran os puntos en común nas súas experiencias?

Para preparar a narrativa da curta, entrevistei un número elevado de mulleres de toda a área do Barbanza e deime de conta de que as súas memorias eran parecidas. Salientaban a parte máis dura do traballo, que fisicamente era esgotador. 

Alén de ir cargadas con toda a roupa enriba da cabeza unha ou dúas veces por semana, tiñan que erguerse moi cedo e meter as mans en auga que estaba moi fría. Aínda así, tamén me contaban que os lavadoiros, ao ser lugares exclusivos para elas, tamén se atopaban e compartían confidencias. Son lugares curiosos porque teñen estas asociacións agridoces. 

Gravei bastantes horas de entrevistas porque creo que é moi importante recoller esta memoria anónima das mulleres para que non desapareza. De feito, elas mesmas se sorprendían porque alguén se sentira interesado por rexistrar isto. Quitábanlle importancia porque dicían que era o traballo da casa, o que lles tocaba facer. E creo que este é un dos valores deste proxecto: o rexistro  e a homenaxe a este esforzo das mulleres que nunca foi recoñecido nin valorado.

Forma parte do patrimonio inmaterial, non si?

É que nunca se valorou. E os lavadoiros en si mesmos tamén son elementos patrimoniais. Non deixan de ser restos de algo que pasou hai non moito tempo e que aínda resisten aí. Aínda así, por suposto a parte humana e antropolóxica do traballo das mulleres debería ter outro recoñecemento e outra mirada. As mulleres que entrevistamos e que teñen estes recordos tan vivos xa son moi maiores, polo que o risco de que estas memorias se perdan sempre está aí. É verdade que hai outra xeración que veu detrás que tamén ten aínda eses recordos, por ir coas súas nais ou as súas avoas. Hai moita xente que ten recordos ligados ao mundo dos lavadoiros.  

A pesar de ser un lugar de traballo, en moitos casos tamén era un refuxio, non?

Precisamente contábame unha das mulleres que participou na curta, de Aguiño (Ribeira), que o día que os mariñeiros recibían a paga semanal ían ao bar e adoitaban volver un pouco pesados. Por iso, tamén era o día que escollían algunhas mulleres para ir ao lavadoiro, porque antigamente tiñas que pasar todo o día alí. Era un refuxio para non ter que aguantar aos seus maridos. Un espazo para poder compartir as penas e as alegrías.