“Ana no dique”, a chegada de Miguelanxo Prado a Christie´s

"Ana no dique"

A banda deseñada chega á casa Christie´s que ofertará na primeira poxa do xénero en abril unha peza de Miguelanxo Prado. “Ana no dique” é unha nova creación saída dunha das súas obras máis premiadas, Trazo de xiz. 

“Ana no dique” evoca as ilustracións de Trazo de xiz, unha das obras máis premiadas e recoñecidas de Miguelanxo Prado e é tamén a peza orixinal que entrará na poxa que a casa Christie´s realizará o próximo 5 de abril, a primeira dedicada á banda deseñada. 

O autor, Miguelanxo Prado, ofrece no seu blog todo o proceso de elaboración de “Ana no dique” a través de varios cadriños nos que se vai perfilando o resultado final. Segundo relatou na RG, desde Christie´s reclamaban a portada orixinal de Trazo de xiz, publicada en español en 1994 por Norma e case vinte anos despois en galego por El Patito Editorial, mais o autor non quixo desprenderse da peza e por esa razón elaborou este novo “Ana no dique” que será finalmente a que se poxe en París en abril. 

Con Hergé ou Uderzo

Comisariada por Daniel Maghen, en Christie´s sairán á venta por volta de 400 pezas entre elas, dos principais nomes da banda deseñada mundial. A obra de Miguelanxo Prado é un acrílico sobre lenzo de 92x65 centímetro no que se pode contemplar a Ana, unha das protagonistas da novela gráfica, nun escenario identificable de Trazo de xiz. Desde Hergé a Uderzo pasando por Manara, Hugo Pratt ou Moebius, a iniciativa que se desenvolverá en París recolle obra dos principais autores contemporáneos. 

Trazo de xiz é, sen dúbida, unha das obras privilexiadas de Miguelanxo Prado e un dos títulos esenciais da banda deseñada nacida nos anos noventa. Creada orixinalmente en galego, a novela saíu publicada en primeiro lugar en español, vendo a luz a versión primeira case vinte anos despois da man de El Patito Editorial, na colección creada para a publicación en galego da obra do autor. Con “Ardalén”, a súa última novela gráfica, finalmente a obra de Miguelanxo Prado chegaba ás librarías en galego de maneira simultánea a outras linguas.