Crítica de cinema das sextas feiras

O ano máis violento

Como cada sexta feira, Andrés Castro, achéganos unha suxerencia audiovisual para a fin de semana. O ano máis violento é un filme que invita a reflexionar sobre se o fin xustifica os medios.


Título orixinal: A Most Violent Year

Ano: 2014

Duración: 125 min.

Nacionalidade: estadounidense

Director: J.C. Chandor

Guión: J.C. Chandor

Fotografía: Bradford Young

Música: Alex Ebert

Elenco: Oscar Isaac, Jessica Chastain, David Oyelowo, Albert Brooks, Christopher Abbott, Catalina Sandino Moreno, Ben Rosenfield, Alessandro Nivola, Elyes Gabel, Ashley Williams, Peter Gerety, David Margulies

SINOPSE

Un inmigrante latino trata de sacar adiante un negocio de transporte de combustible na Nova Iorque de 1981, considerado nas estatísticas, o ano máis violento de toda a historia. 

CRÍTICA

Terceira película de J.C. Chandor tras Margin Call e Cando Todo Está Perdido que nos traslada a principios dos 80. O Ano Máis Violento narra a historia dun home de negocios de certo éxito que se está facendo un oco no mundo do transporte de combustible na turbulenta cidade de Nova Iorque que invita a reflexionar sobre se o fin xustifica os medios. Chama a atención que a pesares de ser un home ben plantado, de gabán impoluto, traxes de Armani e pinta de Michael Corleone -semellanza claramente premeditada- os seus métodos son totalmente opostos aos do padriño. Abel Morales ten alma de líder. Un líder duro e firme, pero tamén un comprensivo, íntegro, calmo e que xoga limpo lonxe da delincuencia e do crime organizado. Transmite un autocontrol a proba de bombas. Cantidade de veces o acirran, poñen a proba e contra as cordas polas débedas pero, aínda así, elixe o camiño “máis” correcto, facendo case que desexemos que empece dunha vez por todas a partir caretos.

Chama a atención que a pesares de ser un home ben plantado, de gabán impoluto, traxes de Armani e pinta de Michael Corleone, os seus métodos son totalmente opostos aos do padriño.

Pero esta non é unha historia desa clase. Abel Morales é un tipo a contracorrente que está lonxe de estar en sintonía co entorno imperante da Gran Mazá pero que, probablemente no “ano máis violento”, a súa actitude antóllase como a máis valente e poderosa de todas. Destaca sobre o resto coma un león no medio dun grupo de animalias que se van devorando mutuamente. No papel de Morales temos ao guatemalteco Oscar Isaac (Ex_Machina, A Propósito de Llewyn Davis) que constrúe unha personaxe á que optou inicialmente Javier Bardem, e que resulta tan carismática e chea de dobreces que ben podería ter o seu propio spin-off. Acompáñano, entre outros, a sempre solvente Jessica Chastain (Interstellar, A Desaparición de Eleanor Rigby) -que vai camiño de seren un mito do cine en vida- na pel da muller de Abel que non comparte precisamente os “correctos” métodos do seu marido; o grande Albert Brooks (Perdidos en América, Drive), no rol dunha sorte de consigliori de Morales; e David Oyelowo (O Mordomo, Selma), coma o policía que investiga os turbios negocios de Morales mentres aspira a facerse un oco nos enredos da cidade. 

Un mundo de intereses creados onde cada un xoga as súas bazas coma mellor sabe... ou pode. Destaca unha posta en escena sobria salpicada con momentos puntuais de tensión e violencia que son coma unha descarga de adrenalina no medio da calma chicha. Destaca sobre todo nas escenas de persecución, maxistralmente executadas, que lembran poderosamente a aquela do estadio d’O Segredo dos teus Ollos (2009, Juan José Campanella).

 Destaca unha posta en escena sobria salpicada con momentos puntuais de tensión e violencia que son coma unha descarga de adrenalina no medio da calma chicha. 

A música de Alex Ebert, na súa segunda colaboración consecutiva con Chandor, insinúa os acordes da Tocata e Fuga BWV 565 de Bach, que para quen non lle apeteza buscala na internet, trátase desa peza de órgano que poderíamos identificar con case todas as pelis de terror da Hammer, e que contribúe a resaltar o terrorífico mundiño no que anda metido o bo de Abel Morales. Por certo, un nome tamén premeditado que ven sendo un xogo de palabras bastante sinxelo de matizar... O Ano Máis Violento foi resaltado pola Asociación de Críticos Norteamericanos nas categorías de Mellor Película, Actor (Isaac) e Actriz Secundaria (Chastain). Un notable exercicio de estilo cunha atmosfera, á altura dun Scorsese, Coppola ou Friedkin, que Chador adapta con absoluta perfección a un intelixente e impecable neo-noir cheo de sutileza e refinamento arredor do soño americano, para darlle a volta e mostrar, con absoluta precisión, os claroescuros do mundo dos negocios e de como os atallos non teñen porqué ser a mellor opción. Desde xa J.C. Chandor ocupa un oco no meu arquivo mental de “Directores con estilo”.