CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Aquarius, un filme brasileiro discriminado nos Oscar

Un fotograma do filme

AQUARIUS
(Brasil 2016, 142 min.) 
Dirección e guión: Kleber Mendonça Filho
Fotografía: Pedro Sotero e Fabricio Tadeu
Elenco: Sonia Braga, Fernando Teixeira, Irandhir Santos, Maeve Jinkings, Julia Bernat, Carla Ribas, Rubens Santos

SINOPSE
Clara é unha xornalista xubilada que mora no edificio Aquarius, un antigo bloque de vivendas fronte da praia de Boa Viagem, en Recife. Recusa vender o apartamento malia que unha construtora ofrece unha suntuosa oferta co fin de construír un novo condominio no solar.

CRÍTICA
Certamente curioso o paralelismo entre a historia que desenrola Aquarius e a propia que rodea o filme. Resulta que o equipo, co director Kleber Mendonça Filho á fronte, decidiu facer pública a súa postura a favor de Dilma Rousseff cunha protesta no pasado Festival de Cannes por mor do impeachment, con cheiro a golpe de estado, ao que foi sometida co beneplácito das institucións, e que supuxo o ascenso ao poder de Michel Temer, do partido “pega-tudo” PMDB. “Un golpe está acontecendo no Brasil”, “Resistiremos” ou “O mundo não pode aceitar este governo ilegítimo" aceptar son algúns dos carteis que despregaron naquela protesta sobre a alfombra vermella baixo os flashes de toda a prensa internacional. Isto levantou tanto po que o comité de selección dos Óscar de Hollywood, pese a que Aquarius era unha das favoritas, decidiu refugala. Directores da talla de Anna Muylaert (Mellor Dirección na Seminci con Mãe só há uma), Aly Muritiba (Mellor Ópera Prima en Montreal con Para a minha amada morta) ou Gabriel Mascaro (Premio Especial do Xurado en Venecia con Boi neon) retiraron os seus filmes, do proceso en sinal de desaprobación, dun uso tan “rastreiro e mafioso” dos medios públicos. Desde entón a polémica persegue o filme de Kleber Mendonça Filho con protestas alá onde pasa. Tal que foran da man, a trama de Aquarius tamén fala da podremia que sofre o Brasil, malia que no filme o foco apunta máis á perda de valores da aburguesada clase media e á voraz especulación urbanística. Sônia Braga (O beixo da muller araña) interpreta Clara, unha muller que leva toda a vida morando nun apartamento do Edificio Aquarius, un antigo bloque de vivendas nunha das zonas máis privilexiadas de Recife nunha zona tranquila onde é respectada, pode baixar á praia cando lle peta ou saír á noite sen medo a ser asaltada. Un retiro pracenteiro para centrarse nas súas grandes paixóns: a música e os libros. Só as constantes visitas duns axentes inmobiliarios, aos que atende e despacha coa mesma amabilidade, lle perturban a paz. Pronto a estratexia de acoso inmobiliario comeza a ser menos amigábel, mais Clara, acostumada a loitar tras superar unha grave enfermidade, abandona a amabilidade e contraataca. Unha trama con moitos altibaixos que se sustenta, en parte, grazas a escolma musical, con hits de Queen, Gilberto Gil, Roberto Carlos ou Vinicius de Morães, así como a omnipresente elegancia e saber estar de Sônia Braga.

O filme non afonda o suficiente como para estar á altura do rebumbio que xerou ao seu redor

A acción comeza nos anos 80 onde se presenta o apartamento en cuestión e a unha xoven Clara que asiste, con toda a familia, ao aniversario da súa querida tía que, curiosamente, non volve aparecer inda que pareza que a historia xirará entorno a ela. Desvélase xa o da enfermidade de Clara e de paso que ten unha familia moi unida, mais un pouco particular tamén. Tras a introdución a historia dá un salto ao presente a través dunha discutíbel elipse “mobiliaria”. Desde ese intre comezamos a presenciar o día a día dunha Clara que xa e “Dona Clara” para pasar, sen présa, a un descompensado tour de force coa inmobiliaria. Mágoa que toda a controversia xerada arredor de Aquarius non quede plasmada da mesma forma no propio filme. Certo que hai unha crítica velada arredor da servidume, a especulación, as relacións familiares, a corrupción ou a burguesía brasileira, mais non afonda o suficiente como para estar á altura do rebumbio que xerou ao seu redor. Con todo, é un filme valente que marca pautas a seguir no cinema brasileiro.