Arredor da nosa fauna
buis!.- Bois! Voz coa que se guía e anima a vaca aboiada para que a monte o boi.
Exemplo: “Buis, buis!”
Lugar de escoita.- San Martiño (Vilaboa do Morrazo)
Fonte.- Sé Anxo Rosales González.
cirilloto.- Excremento animal ou humano, cando ten forma cilíndrica.
Lugar de escoita.- Bisbarra da Limia.
Fonte.- Rafael Laso Lorenzo.
fachado/a.- (Ademais de significados xa rexistrados) Dise do cabalo ou da egua que ten na fronte un sinal máis ou menos ancho ou alongado de cor branca.
Lugar de escoita.- Sabucedo (A Estrada).
Fonte.- Manuel Cabada Castro.
Outros apuntamentos.- Supón o apuntador que a palabra virá dunha asociación co lume e derivará de facho, o que fai que teña un significado semellante ao que se lle dá en inglés (blaze) ao animal con esas características.
estampido.- (Ademais de significados obvios) Ano, en particular o dos animais.
Exemplo: “Os cans chéiranse o estampido entre eles”.
Lugar de escoita.- Val Miñor.
Fonte.- Albino Soto Figueroa.
envizcar.- Encirrar, provocar a un animal, normalmente a un can, para que ataque a alguén.
Lugar de escoita.- Navia de Suarna.
Fonte.- Marcos Seixo.
emburquillarse.- Acto propio dos animais consistente en envorcallarse na terra.
Exemplo: “As pitas teñen piollos, porque se emburquillan na terra”.
Lugar de escoita.- A Pobra do Brollón e comarca.
Fonte.- Orcelina Parada Cortiñas.
escoxada.-(Matiz sobre esta palabra xa rexistrada nalgún dicionario) Vaca que ten seco (improdutivo) un ou máis tetos (cuarteróns).
Exemplo: “Está escoxada de dous tetos”.
Lugar de escoita.- A bisbarra do Deza.
Fonte.- Andrés Lombardía Crespo.